sábado, 27 de marzo de 2021

DÍA DO TEATRO

O 27 de marzo celébrase o Día do Teatro . En 1962 o Instituto Internacional do Teatro (ITI) decidiu establecer esta data como Día Mundial do Teatro, lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo é promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo, co fin de crear conciencia sobre o valor do teatro.

Co teatro podes ser quen queiras, onde e cando queiras.

Podes amosar toooodas as emocións.

Incluso podes quedar calado.

Podes crear, imaxinar, inventar, gozar...

No noso cole, celebrámolo coa representación da seguinte obra. Os encargados de dramatizala foron os alumnos e alumnas de 4º e 5º de primaria. 

                      Que comece a función!



Para os máis cativos déixovos a representación dun libro que vos gusta moito " Animais de compañía"

Ademais, no seguinte vídeo podedes atopar un titorial que explica como facer  monicreques sinxelos con materiais que podedes atopar na casa, mirade!




Atrevédesvos???? Podedes compartir os vosos resultados!!! Anímate e crea títeres ou, na túa casa, representa unha pequena escena para sorprender a túa familia.

Podes enviárnola ao seguinte enderezo:


bibliotecaespedregada@gmail.com


Roi e Sara mandáronnos  un pequeno teatro de sombras que improvisaron. Adiviñades que historia representan? Premede aquí.


A Fada Acaramelada

 Todvai saír ben! 🌈

domingo, 21 de marzo de 2021

DÍA DA POESÍA

 HOXE 21 DE MARZO CELÉBRASE O:



En 1998, a organización Unesco, propuxo celebrar cada 21 de marzo esta conmemoración co propósito de fortalecer a cultura no noso planeta. 



Coa celebración desta data pretendemos dar a coñecer este xénero e fomentar a expresión oral e o enxeño creativo na utilización das palabras.
Para conmemorar este día celebramos un concurso de poesía, lembrádesvos? Estou moi agradecida coa vosa participación. Premede na imaxe se queredes recordalo. 
 


                Pois ben, xa temos ás gañadoras!!








Parabéns!! Estou encantada cos vosos poemas !! 



ONTE COMEZOU A ESTACIÓN DA

PRIMAVERA 


DEIXOVOS UN POUCO DE INFORMACIÓN



Esta data coincide tamén co DÍA MUNDIAL DO SÍNDROME DE DOWN, que se celebra o 21 do terceiro mes do ano pola coincidencia coa trisonomía 21, ese terceiro cromosoma que presenta este Síndrome.
Con esta celebración queremos dar visibilidade a estas persoas  e valorar a importancia da inclusión da diversidade nas escolas.



 
 Que pasedes un bo día!



A Fada Acaramelada

 Todvai saír ben! 🌈

martes, 16 de marzo de 2021

LECTORA DO MES DE FEBREIRO

Bos días!! Como estades?

Cada mes publicamos o nome do alumno/a que máis libros leu e que completou máis fichas de lectura.

Neste mes aumentou considerablemente o número de lectores, do cal estou moi satisfeita, pero como sabedes  soamente podemos elixir  a un de vós...e nesta ocasión  a lectora do mes é ...

Katia  Agis


  Déixovos a súa entrevista, para que saibades máis sobre ela. 

                                Entrevista  

Fada:  Que alegría  Katia! Fuches a lectora do mes. Estás emocionada?

Katia:  Si, porque lin moito e fixen unhas fichas de lectura moi bonitas.

Fada: Lémbraste dos títulos dos libros que liches?

Katia: Un dos libros foi “Hasta que podamos abrazarnos". Vai sobre o coronavirus e as normas. Aínda que non nos podamos tocar e abrazar, podemos demostrar doutros xeitos que nos queremos. Por exemplo, mandando cartas. 

Outros libros tratan de dinosauros, como "El gran libro de los dinosaurios", ou "Roro el Rugidos".  Este último trata sobre as aventuras dun oso polar e un dinosauro que son amigos e foron ao Polo Norte. 

Fada: Esta paixón pola lectura ven de familia ? 

Katia: Si, a meu pai gústalle moito ler. Xa desde que era cativo, lía libros de Galicia.

Fada: Dime un segredo: Quen le mellor dos dous?

Katia: Antes eu era máis lenta lendo, pero agora leo moito máis rápido e mellor.

Fada: Gustaríache recomendar algún libro aos teus compañeiros/as?

Katia:  Recomendo un libro moi interesante, "Emocionario", que fala das distintas emocións. Eu aínda non o rematei porque son moitas. 

O meu libro favorito da biblioteca é  "Cuentos para crecer por dentro"  de Eloy Moreno. O que aprendín destes contos é que sempre, sempre podemos crear o noso final feliz.

Fada: Unhas moi boas recomendacións, Katia. Por certo, ao teu irmán pequeno, Nicolás... gústalle ler tanto coma ti? 

Katia: Ás veces, ... De cando en vez, cóntolle contos sobre "A  Granxa", posto que lle gustan moito os animais,  aínda que el prefire xogar cos coches.

Fada: Cal é o teu momento favorito do día para ler un libro?

Katia: Adoito ler libros despois de comer e ás veces, na cama antes de durmir, cando non teño nada de sono.

Fada: Aparte dos libros, gústache ler revistas?

Katia: Non adoito ler revistas, ...cando era pequerrecha si que lía revistas de princesas ou de Peppa Pig.

Fada: Se foses un personaxe de contos, cal che gustaría ser? 

Katia: Un dinosauro, porque é o meu animal favorito.

Fada: Moitas grazas Katia pola túa entrevista. Agora coñecémosche un anaquiño mellor. Teremos en conta as túas boas suxestións.

Katia: Chao!



A Fada Acaramelada.


 Todvai saír ben! 🌈 

domingo, 7 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 Ola lectores/as!!

O Día Internacional da Muller celébrase o 8 de marzo. Conmemora a loita da muller pola súa participación dentro da sociedade. É un día importante para pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres que xogaron un papel clave na historia dos seus países e comunidades.

No CEIP Espedregada traballamos en prol da igualdade durante todo o curso. Tentamos seguir os obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU recollidos na Axenda 2030, neste caso o número 5; Igualdade de xénero.

Ao longo destes días, estamos recordando a moitas  mulleres deste mundo que foron importantes en diferentes aspectos. Fixemos este vídeo co fin de dar visibilidade  ao seu traballo e loita.

Desde a biblioteca propóñovos unhas lecturas para cada día do mes e unhas curtas pola igualdade e o respecto. O camiño é longo pero paso a paso o conseguiremos 
Premede sobre a palabra "lecturas" para acceder ao contido.


FELIZ DÍA!!

A Fada Acaramelada.

 Todvai saír ben! 🌈